Peche de campaña. Visibilizar diversidade funcional. Visibilizar inmigrantes

O BNG pecha a campaña ‘visibilizando’ os problemas da diversidade funcional e das inmigrantes Francisco Jorquera, Avia Veira, Mercedes Queixas e David Soto comparten un paseo polo centro en cadeira de rodas. As nacionalistas rematan os actos públicos do día cun xantar con inmigrantes e activistas sociais nun restaurante africano da Agra do Orzán.

O BNG pechou os quince días de campaña reivindicando e comprometéndose a escoitar ás persoas, organizadas en colectivos ou non, que sofren a diario dificultades para moverse polas rúas e para acceder a espazos públicos; e reivindicando e escoitando de primeira man o que teñen que dicir as inmigrantes sobre as súas dificultades de acceso a bens básicos como a vivenda ou emprego do que vivir.

“O BNG non deixa atrás a ninguén”, dixo Francisco Jorquera no mitin do día anterior. “No BNG apostamos de verdade por conseguir un espazo público democrático e iso significa ter un espazo público accesíbel, para todas e para todos, independentemente da nosa idade e da nosa condición funcional”, explicou o candidato nacionalista antes dun paseo xunto a persoas con algún grao de discapacidade funcional polas rúas da contorna do Obelisco.

Mobilidade aínda máis reducida

“Na Coruña hai moitos problemas de accesibilidade, sen ir máis lonxe este aparcadoiro subterráneo dos Xardíns de Méndez Núñez ou o propio Salón de Plenos do Concello, ou comercios que cambian de uso pero manteñen licencia comercial e non adaptan os accesos para persoas con mobilidade reducida”, explicaba Fran Carreira, do Grupo de Persoas con discapacidade de A Coruña (Grumico), antes de guiar un breve paseo para sinalar os obstáculos á mobilidade. Non houbo que ir moi lonxe: caixeiros inaccesíbeis para unha persoa en cadeira de rodas, pavimento en mal estado en beirarrúas ou aparcadoiros que dificulta a circulación en cadeira de rodas, e mesmo exemplos de baixos comerciais, nun mesmo edificio, con e sen rampla de acceso. Durante o paseo, no que tamén participaron representantes da Asociación de Prevención do Glaucoma e da ONCE, tamén se denunciaron os problemas que causa o exceso de iluminación en zonas do centro ás persoas con deficiencias visuais, e no caso dos invidentes, a representante da ONCE explicou que xunto á súa sede, no Obelisco, está resultando difícil adaptar o firme con bandas rugosas que serven como guías tanto no cruzamento da rúa Nova coa rúa Real e no paso de peóns entre os cantóns e os xardíns, situado do outro lado da praza.

As persoas con mobilidade reducida reclaman rúas amplas e con firme coidado, baixadas nas beirarrúas, accesos nos edificios públicos, mesmo cando se trata de edificios protexidos polas normas de conservación do patrimonio e melloras tamén no transporte público.

Entre as medidas do programa do BNG, Jorquera destacou a proposta dun plan de accesibilidade ao espazo público e aos edificios públicos municipais; a aprobación dunha ordenanza de accesibilidade, segundo as recomendacións do Grupo de Accesibilidade Coruña; a instalación de zonas de nivel tres nos parques infantís; e a modificación da ordenanza da ORA para que as persoas con mobilidade reducida poidan aparcar en zonas de aparcamento restrinxido de balde. E tamén anotou o proxecto de realizar plans de rexeneración nos barrios para humanizar o espazo público e incrementar zonas e corredores peonís.

Coordinar políticas de axudas sociais, vivenda e emprego para inmigrantes

Nun xantar con inmigrantes e representantes de colectivos como o Foro Galego da Inmigración no restaurante Mamá África (na Agra do Orzán), as candidatas nacionalistas escoitaron unha demanda unánime: “É preciso coordinar políticas de axudas sociais, vivenda e emprego para inmigrantes”.

Francisco Jorquera e Avia Veira aludiron á necesidade de reformar as normas para a concesión da Renda Social e da axuda de Emerxencia Social para evitar situacións que exclúen a moitas das solicitantes, mais tamén se comprometeron a ter en conta as particularidades da poboación inmigrante á hora de deseñar políticas de vivenda para determinados segmentos sociais en risco de exclusión. Ademais, tamén recoñeceron a necesidade de recuperar unha relación fluída entre o concello e as diferentes asociacións de inmigrantes para favorecer as manifestacións culturais das diferentes nacionalidades.

O BNG propón no seu programa electoral crear espazos sociais, culturais e lúdicos de relacións interculturais que axuden a visibilizar a inmigración e as culturas minorizadas; e reforzar a actividade e o persoal da Unidade de Atención ao Migrante (UAMI), especialmente para atender as necesidade de acompañamento sanitario e acompañamento na axuda á busca de vivenda.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario