Jorquera pregunta ao goberno local sobre a hipotética instalación dunha planta de tratamento de residuos oleosos na dársena de Oza

Jorquera alerta de que Limpoil pretende instalar unha planta de tratamento de residuos oleosos, un proxecto que tería provocado “moita preocupación entre a veciñanza” xa que "supón un grave risco ambiental”.

O portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao goberno local en relación ás actividades da empresa Limpoil na dársena de Oza.

Jorquera alerta de que Limpoil pretende instalar unha planta de tratamento de residuos oleosos, un proxecto que tería provocado “moita preocupación entre a veciñanza”. A inquietude levou a que diversas entidades cidadás formulasen alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental supervisado pola Xunta ao considerar que se tiña optado por unha avaliación simplificada “para un proxecto emprazado nun espazo enormemente sensíbel e que supón un grave risco ambiental”.

Nese sentido, explica o portavoz nacionalista que a planta “estaría situada a menos de 500 metros da praia de Oza e dun banco marisqueiro colindante da praia de Santa Cristina e da bocana da Ría do Burgo, onde existen e se explotan tamén bancos marisqueiros”.

“ Un proxecto emprazado nun espazo enormemente sensíbel e que supón un grave risco ambiental ”

Francisco Jorquera

De feito, en decembro de 2017 o pleno do concello da Coruña expresou a súa oposición á instalación da planta. O que quer saber agora Jorquera, através dunha pregunta por escrito, é se o actual goberno municipal mantén ese rexeitamento e, en caso afirmativo, que medidas pensa impulsar para impedir que o proxecto se leve a termo.

No texto da pergunta por escrito Jorquera pide ao goberno que confirme se Limpoil, como ten aparecido en medios de comunicación, dispón desde 2011 dunha instalación no peirao de Oza da que carecería dos preceptivos permisos urbanísticos.

Limpoil dedícase a retirar residuos de hidrocarburos e outros refugallos xerados polos navíos na dársena da Coruña. A súa licenza foi prorrogada por seis anos pola Autoridade Portuaria o pasado 27 de xuño. Jorquera fai notar que na rolda de imprensa ofrecida ese mesmo día, após a reunión do consello de administración do órgano do goberno do porto, non se informou aos medios sobre esa prórroga. Nese sentido, o portavoz nacionalista pergunta ao goberno local se si coñece os pormenores da renovación das actividades de Limpoil.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario