“Preocúpanos a degradación dos barrios e é preciso un plan de rexeneración para moitos deles”

Francisco Jorquera lanza unha alerta sobre o abandono de moitos barrios nun almorzo na Asociación da Prensa da Coruña.

“O BNG non pretende aplicar un modelo de calidade urbana só no centro da cidade”, advertiu Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, esta mañá nun almorzo con xornalistas organizado pola Asociación da Prensa da Coruña. “Preocúpanos a degradación dos barrios e é preciso un plan de rexeneración para moitos deles”, lanzou a alerta Jorquera, que nas semanas previas á campaña electoral visitou acompañado por veciñas e veciños barrios como Labañou, As Flores, A Sagrada, A Silva ou a Agra do Orzán, recollendo impresións e queixas en todos eles sobre o empeoramento das condicións de vida.

“Queremos uns barrios vivos, e por iso todas as nosas políticas atenden á situación nos barrios. Cando falamos de mobilidade, falamos tamén de mellorar as conexións dos barrios cos polígonos, coa universidade e cos hospitais. Cando falamos de pequeno comercio, falamos tamén de recuperar os locais baleiros, a través dun banco público, que permita encher de vida as rúas e facelas, ademais, más seguras. Cando falamos de políticas de accesibilidade, falamos de rehabilitar vivenda e axudar ás veciñas e veciños que queiran instalar un ascensor coa ferramenta dun servizo municipal de mediación para resolver conflitos. Cando falamos de espazos verdes, falamos de conservar a identidade dos barrios rurais e recuperar as áreas verdes que foron quedando dentro dos barrios densos: como no caso do Parque do Observatorio na Agra”, relatou o candidato do BNG.

Enquisa e pactos

A preguntas dos xornalistas, Jorquera tamén se referiu é enquisa de La Voz e ao escenario de pactos postelectorais que abrirá o 26M. “Somos a candidatura preferida polos novos votantes, algo que terá algo que ver coa decepción que supuxo o actual goberno municipal, somos a candidatura mellor valorada e a que máis fideliza o voto; polo tanto, estamos nunha clara tendencia a alza e cunha base sólida”, dixo o candidato. E sobre os pactos opinou que “o BNG falará con todas as forzas que obteñan representación por respecto a decisión dos votantes, pero está claro que nós nunca facilitamos nin facilitaremos un goberno de dereitas. E ademais, tampouco consentiremos cun goberno que non faga nada, que non xestione, como aconteceu neste último mandato. En calquera caso, cada cousa ao seu tempo, porque inda queda moita campaña”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario