Que turismo para unha cidade modelo?

Jorquera perfila as liñas programáticas para crear unha marca cidade durante a presentación do programa ecónomico diante da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE).
Que opinas desta nova?

“Como en outros ámbitos, as políticas de turismo hai que desenvolvelas desde unha visión comarcal”, dixo esta semana nun almorzo coa Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña (AJE), Francisco Jorquera, candidato nacionalista á Alcaldía, no que avanzou algunhas das medidas do programa co que BNG se presenta ás municipais de maio.

Esta visión comarcal da cidade modelo obriga a atender os recursos naturais e patrimoniais de toda a área metropolitana, a poñelos en valor tamén como recursos turísticos, avanzou Jorquera. Os empresarios botan en falta unha planificación específica, non só a nivel comarcal, senón tamén municipal. As políticas actuais, din, limitan as cuestións relacionados co turismo ao marco de políticas de promoción económica, malia que as políticas que afectan ao turismo dependen de moitos máis ámbitos.

“Por exemplo, a mobilidade”, responde Jorquera. “É sabido que unha cidade amábel, unha cidade accesíbel, na que se pense antes nos peóns e no transporte público, con rúas vivas e un tecido comercial vizoso, é un incentivo para o turismo”. Os empresarios comparten esta idea. A tipolóxía dos asociados cambiou entre o empresariado máis novo. Son autónomos ao fronte de pequenas empresas, moi pegadas ao territorio, e parecen ter claro que a cidade precisa mudar desde a democratización do espazo público, unha das aposta fortes do BNG nesta campaña electoral.

En materia de turismo, o candidato nacionalista indicou que o BNG levará ao seu programa electoral a proposta dun Plan director de calidade turística que, entre outras cuestións, atenda “á posta en valor da Cidade Vella, desde as intervencións máis pequenas, como a sinalización, até a recuperación do patrimonio”, e que atenda tamén a creación “dunha marca da cidade que nos distinga”.

O BNG pretende impulsar desde o seu programa actuacións como unha marca de produto fresco vinculada á pesca; a promoción turística a partir de ‘clubs de produto’, paquetes turísticos dirixidos a públicos concretos en colaboración co sector; ou un bus turístico que ofreza un percorrido por todos os recursos históricos e naturais da cidade. Todo isto, “coa idea de desestacionalizar o turismo na cidade, e diversificar os públicos”, sinalou Jorquera.

Participación e relación co Concello

Os empresarios preguntaron tamén polas propostas do BNG en materia de participación, que Jorquera resumiu “en manter un contacto permanente e fluído entre os colectivos e o Concello”. Os empresarios puxeron sobre a mesa os efectos ‘perversos’ que está a producir a nova lei de contratación pública, tamén o obstáculo que supón a falta de axilidade na Administración pública en xeral e en particular a municipal, así como as dificultades para manter unha interlocución entre os actores privados e os actores públicos.

Jorquera comprometeuse a abrir e mellorar as canles de participación e comunicación, “non só a través dos diferentes consellos sectoriais que estamos avanzando, como o Consello Económico Municipal ou o Consello Municipal de Cultura, que garantan unha participación real das asociacións na toma de decisións, senón tamén por medio dos consellos de barrio ou outros canais como dar resposta a todas as demandas que chegan ao Concello, algo sinxelo pero que parece que non se está atendendo”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario