Falou Francisco Jorquera dunha candidatura diversa e solvente durante a presentación do primeiro tramo da lista o día 2 en María Pita. Ese día xa se coñecía que Mercedes Queixas Zas, docente, escritora, activista da cultura e da defensa da lingua, ía facer parte do equipo de Jorquera nun posto relevante, o número 3. Queixas, de 50 anos, residente nos Mallos, manifestaba eses días nunha entrevista en Onda Cero Coruña a súa confianza no candidato a alcalde. “Agradézolle que dera ese paso que para min foi moi, moi ilusionante. E agradézolle que me trasladase a proposta de eu asumir esta responsabilidade. Estou agradecida tamén a Avia Veira, porque creo que cumpriu un papel fundamental para levar a voz e os principios nacionalista ao Concello da Coruña. Síntome honradísima, eu xa viña acompañando o traballo do Bloque Nacionalista Galego. Dixen si porque acredito nas persoas da candidatura e porque estaría encantada de traballar e compartir a miña bagaxe e experiencia”.
Queixas falou tamén para La Opinión Coruña, e mostrou a súa disposición a mudar as cousas na Coruña: “Temos que tecer desde o presente o que van ser os vindeiros catro, oito ou doce anos, os tempos de agora non son os de 2015. Temos que construír moitos futuros. A nosa aposta ten que estar na análise real do día a día sen perder nunca o fío de onde vimos e tamén cales son as nosas propostas de traballo, amosar as nosas ideas e poñer a producir todas esas áreas nas que temos capacidade de goberno. Nós non traballamos de cara á galería, non soñamos simplemente, sabemos que as nosas ideas se poden facer realidade”.
Apenas uns días despois do avance do primeiro tramo da candidatura, coñecíase que o catedrático e exreitor da UDC Xosé Luís Armesto pechará a lista. Un posto, o número 27, tamén de relevo, despois de que Francisco Jorquera afirmara que espera contar con Armesto para definir aquelas políticas públicas que teñan que ver coa universidade e a innovación. Nunha entrevista en La Voz de Galicia , Armesto lembrou que leva no BNG “desde antes da fundación do BNG. Desde os inicios manteño a mesma postura nacionalista, aínda que nunca participei na vida orgánica”. E engadiu: “a situación semella relativamente complicada, parece que non se van dar maiorías absolutas, o que pode contribuír a facilitar desde o BNG un goberno progresista, de esquerdas e con trazos nacionalistas”. O exreitor sinalou que comparte os principios e os obxectivos do BNG e explicou que o nacionalismo aporta “honradez, a defensa dos servizos públicos, a loita contra a desigualdade e a capacidade de xestión”.