O BNG comprométese a recuperar as convocatorias para cooperación ao desenvolvemento

Francisco Jorquera considera que o obxectivo de alcanzar o 0,4% do orzamento municipal ao final do mandato é “razoábel e digno”. A Coordinadora Galega de ONG, con 21 asociadas na cidade, quéixase da falta de locais públicos para levar adiante o seu traballo.

Foi case ao remate da conversa que Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía do BNG, mantivo con membros da Coordinadora Galega de ONG cando os representantes das 21 entidades que na Coruña traballan neste ámbito advertiron da falta de locais adecuados e accesíbeis desde o punto de vista económico. “Paréceme unha cuestión fácil de resolver, dado o número de locais municipais que aparentemente están en desuso”, indicou o candidato nacionalista, que asumiu e comprometeuse a defender as 9 demandas que a Coordinadora lle presentou. “É máis, desde o BNG non só pretendemos recuperar as políticas de cooperación ao desenvolvemento senón que acreditamos na necesidade de que as ONG sexan co-partícipes do deseño desas políticas”, dixo Jorquera e avanzou que o BNG impulsará a constitución do Consello Municipal de Solidariedade e Cooperación, “e mentres tanto, desde o principio, dialogaremos para reactivar estas políticas e ver canda vós por onde empezar”.

A Coordinadora, que esixe como primeira medida que as Administracións Locais mostren “compromiso político” e exerzan “a competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento”, informaron que no caso da Coruña está competencia municipal non se está a exercer e non se realizaron as tres últimas convocatorias para programas de desenvolvemento, derivando o goberno municipal toda a súa política de cooperación a través do Fondo Galego. O candidato nacionalista respondeu que está no ánimo do BNG, na medida que teña capacidade de influír no futuro goberno, recuperar esa competencia municipal e activar as convocatorias.

Por outra banda, Jorquera considera que o prazo dun mandato (os próximos 4 anos) para chegar ao obxectivo do 0,4% do orzamento local como porcentaxe destinada a cooperación “é razoábel, e tamén é razoábel e digno ese 0,4%”. Ademais, Jorquera tamén ve relevante que as Administracións se doten de fondos extraordinarios para actuacións de emerxencia e acción humanitaria.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario