“Só temos como disciplina de partido defender os intereses do país. Por iso en Madrid, os galegos somos nós: o BNG”

Francisco Jorquera e Avia Veira acompañan á candidata ao Congreso, María Xosé Bravo, nun mitin baixo a chuvia na Agra do Orzán, onde as líderes nacionalistas reclamaron o voto ao BNG o 28A para que Galiza estea presente no debate estatal e para frear á ultradereita tamén no Estado.
“Só temos como disciplina de partido defender os intereses do país. Por iso en Madrid, os galegos somos nós: o BNG”
5 (100%) 1 vote[s]

O primeiro mitin da campaña das Xerais na Coruña celebrouse antonte na rúa Barcelona a media tarde e baixo unha chuvia constante. Con paraugas e moita atención aos discursos das candidatas, militantes e simpatizantes e veciñanza en xeral (chegaron a concentrarse máis de medio cento de persoas) acompañaron a reivindicación do BNG como unha forza que traballa co corazón e a cabeza no país e cun ánimo decidido de frear calquera avance da ultradereita no Estado.

Neste sentido falou Avia Veira, a portavoz nacionalista no Concello e número 2 da lista para as municipais de maio, do valor dobre do voto ao BNG o 28A: “Nestes últimos meses quedou en evidencia que se o BNG non está, ninguén defende Galiza nas Cortes; pero ademais, estamos en condicións de discutir ás forzas de ultradereita un escano pola Coruña e outro por Pontevedra”. Veira subliñou que o BNG vai “a máis” e lembrou que “así nolo está a transmitir toda esa corrente de simpatía que vimos recibindo nos últimos anos”.

Foi Jorquera, o candidato á Alcaldía o próximo 26 de maio, que respondeu desde a súa experiencia no Senado e no Congreso a tres cuestións que están no foco do debate estes días de campaña das Xerais en Galiza:

Quen son “as e os galegos” nas Cortes do Estado?

“Alí, cando preguntaban que pensan os deputados galegos, sempre se referían aos deputados e deputadas do BNG, porque dos demais xa sabían que se ían axustar a disciplina dos partidos de obediencia estatal, e nós, as deputadas e deputados do BNG só temos como disciplina a defensa dos intereses de Galiza”.

Que fixeron as deputadas e deputadas do BNG en Madrid?

“Loitar para corrixir o trato inxusto que en materia de infraestruturas houbo con este país durante décadas. Pero nestes cinco anos nos que o BNG non estivo presente os investimentos en Galiza sufriron a maio caída da súa historia.”

Para que sirve unha deputada ou deputado GALEGO en Madrid?

“O Goberno vasco acaba de conseguir a transferencia da AP-68, o tramo vasco da Autoestrada do Ebro, porque os deputados vascos condicionaron a esa transferencia a dar o seu apoio aos últimos decretos do goberno. E mentres tanto, nós en Galiza levamos anos reclamando a transferencia da AP-9 e non a conseguimos porque en Madrid non hai quen puxese esa condición defendendo os intereses do noso país.”

Garantía de loita por Galiza

Pola súa banda, María Xosé Bravo, a número dous da lista ao Congreso pola Coruña que encabeza Néstor Rego, volveu insistir, como xa fixera nos tres debates públicos organizados aquí na Agra, en Monte Alto e na Cidade Vella estes últimos días, en que a representación que alcance o BNG nestas Xerais levará a Madrid a reclamación dunha Tarifa Eléctrica galega, dunha Facenda Pública e dunha Banca Pública, así como a reivindicación histórica de que Galiza sexa declarada un país “altamente dependente da pesca” para que se adopten medidas específicas neste ámbito.

“Vimos dicindo que se o BNG está, Galiza está. Os feitos dannos a razón. Vimos insistindo en que este é un país rico, somos un país con enormes potencialidades pero que precisamos gobernarnos por nós mesmas para desenvolver, sen dependencias, todas esas posibilidades”, concluíu Bravo antes de pedir o voto para o BNG, que segue na carreira por alcanzar un escano no Congreso pola Coruña.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario