“Somos a única forza progresista cun proxecto para a comarca e para Galiza”

Hai concordancia entre as asembleas nacionalistas de toda a área coruñesa en que a mobilidade é a chave do futuro dunha comarca máis cohesionada, respectuosa co medio e habitábel á medida das persoas. Jorquera reitera a visión metropolitana do BNG fronte a outras forzas progresistas.

“Somos a única forza progresista que presenta candidaturas en todos os concellos da comarca”, dixo Francisco Jorquera na súa intervención este sábado nun acto cos cabeza de lista do BNG na comarca celebrado no Mirador dos Castros, cos peiraos e a cidade ao fondo. As nacionalistas reivindicaron neste encontro sobre propostas en materia de transporte e mobilidade “unha visión metropolitana da acción política nacionalista”, en palabras de Daniel Carballada, o número 1 por Cambre, que abriu o acto. “Para ter un proxecto de cidade hai que ter un proxecto para a comarca, e tamén niso somos a única forza progresista cun proxecto para a comarca e para Galiza”, insistiu Jorquera, que ademais de Carballada estivo precedido por Isabel Reimóndez (número 1 por Sada), Xurxo Couto (Arteixo), Tono Chouciño (Cambre), Amancio Sotillo (Carral) e Fran Rei (Oleiros).

O BNG reuniu en San Diego aos seus candidatos para mostrar as virtudes do proxecto Distrito do Mar, que inclúe un intercambiador nesa área. “Están feitas as infraestruturas básicas do ferrocarril, até aquí chega a lamina de auga, moi próxima á cidade, e a zona está perfectamente comunicada pola rede viaria para que entren os buses de cercanías e se dispoñan aparcadoiros disuasorios para que a xente non entre co coche na cidade, do mesmo xeito que haberá que dispoñelos nos concellos da comarca para que quen teña lonxe unha estación ou un apeadoiro poida aparcar neles e viaxar noutros medios cara a cidade”, explicou Jorquera.

Hai concordancia entre as asembleas nacionalistas de toda a área coruñesa de que a mobilidade é a chave do futuro dunha comarca máis cohesionada, respectuosa co medio e habitábel á medida das persoas. E hai coincidencia na necesidade de mudar o modelo.

Un outro modelo

Foi precisamente o candidato á Alcaldía de Oleiros, Fran Rei, quen pediu rexeitar de vez “unha mobilidade que unicamente pensa en máis asfalto, en máis cemento, en máis estradas, en máis obras faraónicas”. E agregou: “obras que sempre van para as mesmas contratas que levan anos, tantos anos, enriquecéndose con diñeiro público”. “Necesitamos unha mobilidade que teña en conta que os desprazamentos curtos se poden facer a pé ou en bicicleta, pero iso si, por contornas cada vez máis seguras e humanizadas; unha mobilidade que ten que ter en conta a planificación urbanística: non pode ser que concellos como Oleiros aposten por seguir crecendo, por seguir construíndo máis urbanizacións, máis e máis e máis…”.

Tono Chouciño e Amancio Sotillo coincidiron na mesma liña de denuncia das empresas que se lucran co modelo actual de mobilidade. “Temos ás empresas privadas pedindo que se arranxen liñas de transporte, como pasa no tren, para despois vir facer elas o negocio. Que pasa, acaso as empresas públicas non ven esa demanda, esa necesidade de servizo?”. Isabel Reimóndez e Xurxo Couto advertiron nas súas intervencións na estratexia de poñer por diante ás persoas e ás súas demandas en canto a mobilidade. Reimóndez denunciou as carencias no servizo das liñas de buses que conectan a comarca coa cidade, en particular, a escaseza de vehículos e uns horarios moi reducidos. Couto, pola súa banda, animou a votar BNG en cada un dos concellos “para facer posíbel o benestar das persoas e facer posíbel a convivencia entre as persoas, a industria e unha mobilidade sostíbel”. 

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario