“Temos proxecto de cidade porque temos proxecto de país”

Ana Pontón, a portavoz nacional, e Ana Miranda, candidata ao Parlamento Europeo, acompañaron ao candidato do BNG á Alcaldía da Coruña e a Avia Veira, a número dous da lista das nacionalistas, na apertura de campaña en Catro Camiños xunto a un cento de militantes.
“Temos proxecto de cidade porque temos proxecto de país”
1.9 (38.46%) 13 vote[s]

Francisco Jorquera e o BNG da Coruña arrancaron a campaña das Municipais 2019 cun acto no que as nacionalistas mostraron o seu decidido compromiso de impulsar un cambio nas cidades e vilas do país como antesala do cambio que activarán en Galiza en 2020. Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, e Ana Miranda, candidata nas eleccións ao Parlamento Europeo, acompañaron a Avia Veira e a Francisco Jorquera, o tándem de cabeceira do BNG A Coruña, para subliñar a aposta do Bloque polas cidades. A batalla das municipais comeza coas nacionalistas ben reforzadas na Coruña despois de ter mellorado resultados na convocatoria das xerais e cun candidato ambicioso. “O BNG está en ascenso. Somos unha forza política sólida, avalada pola nosa traxectoria municipal, e estou convencido da nosa fortaleza”, dixo Francisco Jorquera na súa intervención. E afirmou: “Temos proxecto de cidade porque temos proxecto de país”.

Francisco Jorquera insistiu en que a do BNG é “a única candidatura que pode asegurar un cambio real e feito desde nós” e engadiu que a proposta e o equipo nacionalista “ten o que non teñen as outras: solvencia, solidez e capacidade”.

O candidato a alcalde propuxo “un cambio en serio na Coruña, entroncando co mellor da súa tradición: unha cidade galega, aberta, dinámica; de longa tradición galeguista e nacionalista, republicana e progresista”. Jorquera asumiu o compromiso de liderar a política municipal no próximo mandato e indicou: “tócanos a nós transformar a decepción xerada por un goberno e unha xestión improvisada e ineficaz, transformar iso en ilusión por un cambio transformador, orientado desde a defensa do público”, e matizou, “somos firmes defensores do público, e acreditamos que o mellor xeito de defender o público é xestionar ben o público”.

Pontón: Gañar máis peso nas vilas e nas cidades

O BNG elixiu A Coruña para abrir a campaña do 26M que encara, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “co obxectivo de sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar máis gobernos BNG e, por suposto, avanzar para ter máis peso político en todas as cidades”.

Unha cita coas urnas “na que imos a por todas”, subliñou a líder da formación nacionalista, coa forza “dun BNG á alza” que nos permitirá estender por Galiza “un modelo municipal de éxito, que ten demostrado que funciona, capaz de transformar en positivo vilas e cidades para mellorar a vida das persoas. Ese é o reto que nos fixamos: máis BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do Bloque, que demostra que, cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, salientou a Pontón.

A líder nacionalista fixo un chamamento á mobilización: “estamos na boa dirección, pero hai que seguir sumando máis galegos e galegas a este proxecto, explicándolles a nosa alternativa para os concellos e para Europa, porque para vencer hai que convencer”, subliñou, “presentamos un proxecto sólido, unido e renovado e pedimos o voto coa certeza de que imos  dar o mellor de nós e estar a súa altura”, saliento.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario