“Temos unha base sólida para seguir mellorando nas municipais”

Francisco Jorquera valora os resultados do BNG na Coruña e subliña que os resultados confirman a tendencia que veñen reflectindo as enquisas e a onda de simpatía que as nacionalistas perciben na rúa.

“Son uns bos resultados, seguimos en alza e malia que as dinámicas dos procesos electorais son distintas, temos unha base sólida para seguir mellorando nas municipais do 26 de maio”. Desta forma resumiu Francisco Jorquera onte luns e este martes, en entrevistas en diferentes medios de prensa e radio, a valoración dos resultados das nacionalista na xornada do 28A.

O resultado volveu colocar ao BNG moi cerca de obter representación no Congreso pola circunscrición da Coruña (apenas 13.000 votos separaron a Néstor Rego do escano), mentres que na cidade as nacionalistas superaron os 8.200 sufraxios, cunha suba de dous puntos e medio respecto do resultado de xuño de 2016 e mesmo cun avance notábel, case un 20% en relación ás municipais de 2015. Jorquera subliñou estas circunstancias e tamén o feito que o BNG iguala no municipio o número de sufraxios das Galegas de setembro de 2016. “É sabido que o BNG consegue resultados moito mellores nas municipais que nas xerais, e tamén é sabido que nas autonómicas é onde somos máis fortes, así que a comparativa indica que o resultado na cidade é moi bo e temos unha base sólida para seguir mellorando nas municipais”, explicou Jorquera.

O candidato nacionalista reflexionou ademais sobre o escenario que se abre a nivel estatal e comezou advertindo que “mentres os nacionalistas vascos e cataláns van ter peso e capacidade de incidencia nas decisións que tome o futuro goberno, Galiza volve quedar fóra”, mais mostrou a súa satisfacción porque os comicios do 28A supuxeron “un freo ás tres dereitas e os resultados son claros tamén en Galiza, aquí tamén se parou á dereita”.

Partilla!

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario